Especial Xela Arias

Viceversa. Revista galega de tradución

NÚMERO ESPECIAL DEDICADO A XELA ARIAS

 

Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora

A televisión da Universidade de Vigo publica as gravacións do acto de presentación do monográfico Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora

O acto celebrouse o pasado martes 30 de novembro de 2021 no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e tradución da Universidade de Vigo coa intervención do equipo editorial do libro (Alberto A. Lugrís, Ana Luna Alonso e María Reimóndez), Jorge Bueno (director do Servizo de Publicacións da Uvigo), Fran Alonso (escritor, director de Edicións Xerais), Darío Gil (fillo de Xela Arias) e as colaboradoras no libro Tamara Andrés, Alba Rodríguez Saavedra, Marilar Aleixandre, Erin Moure, Kathleen March e Georg Pichler. 

 

____________________________________________________________________

CONVOCATORIA DE ARTIGOS

Con motivo da elección por parte da Real Academia Galega de Xela Arias como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, Viceversa, Revista galega de tradución, abre esta convocatoria especial para artigos que traballen a súa figura como tradutora. Os artigos seleccionados serán publicados nun número especial de Viceversa en outono de 2021.

Se ben a figura de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) é sobre todo coñecida na súa faceta poética, resulta innegable a relevancia que tivo para o desenvolvemento da tradución literaria en Galicia en momentos críticos para a lingua e a literatura de noso. Malia o volume de obras traducidas por Arias e a centralidade da súa figura tanto na edición de traducións como noutros labores relacionados, este aspecto do seu traballo ten recibido pouca atención académica ata o momento (como excepción, véxase, por exemplo o traballo de Ana Luna Alonso «O papel da tradutora no campo literario galego» publcado en Madrygal 20, 2017).

Dende Viceversa consideramos necesario alentar a investigación sobre a súa obra como tradutora, en particular -mais sen limitación- nos seguintes aspectos:

  • O papel de Xela Arias no contexto da edición de traducións en lingua galega: contextualizacións históricas, comparativas con outras tradutoras/es da mesma época, reflexións sobre a importancia da tradución nos inicios do sistema literario galego na época democrática. A influencia da tradución e/ou das traducións na obra de Xela Arias.
  • Xela Arias tradutora: análise comparada das obras traducidas por Arias, estudos específicos por xéneros (por exemplo traducións poéticas, de narrativa infanto-xuvenil, de novelas canónicas ou excéntricas...), análise crítica dos procesos de escolla e selección das obras traducidas.
  • Xela Arias e a profesionalización da tradución literaria en Galicia: estudos sobre o papel de Arias en asociacións e colectivos tanto galegos como foráneos de tradutoras e intérpretes, afinidades con tradutoras e autoras doutros sistemas literarios, influencia de Arias no proceso máis global de edición de traducións en Edicións Xerais de Galicia, influencia de Arias nas tradutoras contemporáneas.

Valorarase especialmente a utilización de marcos teóricos innovadores, dende as teorías feministas e decoloniais da tradución aos enfoques ecoloxistas, posthumanistas ou das teorías dos afectos aplicados á tradución.

Os traballos (10-12 páxinas) débense enviar por correo electrónico ao enderezo viceversa@uvigo.gal nun documento de texto editable. O formato dos artigos deberá seguir as Normas de estilo da revista Viceversa, que se poden consultar nesta ligazón.  

PRAZOS:        - 1 de febreiro: envío do título e resumo de entre 100 e 200 palabras

                        - 8 de febreiro: comunicación dos traballos aceptados

                        - 15 de maio: envío do texto definitivo do artigo

 

CONTACTO
Para máis información: viceversa@uvigo.gal.

Prégase difusión desta convocatoria e máis da páxina web da revista:
http://revistas.webs.uvigo.es/index.php/viceversa/index

 

TRADUCIÓNS DE XELA ARIAS

Traducións cara ao galego

Caballum de Carlos Oroza (Edicións do Castro, 1980).

Amor de perdición de Camilo Castelo Branco (Xerais 1985), premio da Sociedade da Língua Portuguesa en 1987.

O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha historia de Amor, de Jorge Amado (Xerais, 1986).

Cidades fantásticas, príncipes e xinns da mitoloxía e as lendas árabes de Khairat Al-Saleh (Xerais, 1986).

Contos ó teléfono de Gianni Rodari (Juventud, 1986).

O bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez (Xerais, 1987).

As bruxas de Rohald Dahl, en colaboración con Lidia Iglesias Izquierdo (Xerais, Xabarín, 1989).

Dublineses de James Joyce (Xerais, 1990), con Débora Ramonde e Rafael Ferradás.

Formou parte do equipo tradutor de O enxeñoso Fidalgo Don Quixote da Mancha de Miguel de Cervantes (Xuntanza Editorial, 1990) xunto con Valentín Arias, Xosefa F. Fernández, Antón Palacio, Xavier Senín e Xesús Senín.

Cinco primeros volumes de cómic da detective holandesa Franka de Henk Kuijpers: A caída do dragón (Xerais, 1990); Competencia a morte (Xerais, 1991); A vinganza do barco fantasma e A volta do Sol do Norte (Xerais, 1992), traducidos en parte en colaboración con Mª Xesús Lameiro.

Os Corredoiras de Juan Farias (SM, 1990).

Rosa, miña irmá Rosa de Alice Vieira (SM, 1990).

Belledonne, habitación 16 de Anke Vries (SM, 1990).

Camiñando sobre as augas de Viale Moutinho (Xerais, 1993).

O derradeiro dos mohicanos de Fenimore Cooper (Xerais, 1993) premio de tradución Ramón Cabanillas en 1994.

A carta en clave de Jan Teerlouw (SM, 1995).

A cantiga de amor de Vicente Beltrán (1995), na colección Xerais Universitaria. Xela Arias foi responsable en Xerais desta colección, así como da Biblioteca de Autores Galegos (1980-1990).

Unha serie de tomos da serie Artistas Galegos Pintores para Nova Galicia (Vigo, 1997). Art Book: Monet, Leonardo, Piero della Francesca, Rembrant, Cezanne, Van Gogh (Vigo, 2000). Artistas pintores: realismos (Vigo, 2001).

Drácula de Bram Stoker (Xerais, Xabarín, 1999).

Venus negra de Angela Carter, en colaboración con Xabier Mugerza (Colección Literatas, Xerais, 2001).

Relatos de Gloria Pampillo. Proxecto BIVIR da ATG.

O spleen de París de Charles Baudelaire. Proxecto BIVIR da ATG. Premio Plácido Castro de Tradución concedido por la ATG a título póstumo en 2004.

 

Traducións cara ao español:

Sobre el esoterismo islámico y el taoísmo de René Guénon (Ediciones Obelisco, 1983).

Concordancia mitofisicocabalohermetica (Ediciones Obelisco, 1986).

 Artistas gallegos pintores: de la postguerra al realismo (Nova Galicia, 2000).

 

Xela traducida:

Ao español:

Antoloxía Queimar as meigas, Galicia, 50 años de poesía de mujeres (1988) elaborada pola profesora Elisa Vázquez de Gey para a editora Torremozas (autotradución de Xela Arias de dous poemas).

López Barxas publica un artigo titulado “Seis poetas gallegos de hoy” nas páxinas de El Ciervo, nº 457 (Barcelona, 1989). Traduce tres poemas de Xela Arias.

Antoloxía Poesía Gallega de Hoy. Antología (Visor, Madrid, 1990) en edición bilingüe con selección e prólogo de Basilio Losada. Poemas autotraducidos de Xela Arias.

Antoloxía Fin de un milenio. Antología de la poesía gallega última (1991), editado por Francisco López Barxas e César Antonio Molina en Ediciones Libertarias-Prodhufi, Seis poemas autotraducidos por Xela Arias.

Revista Babel 19 (Caracas, xaneiro-marzo, 1995) aparecen dous poemas de Xela Arias en español traducidos por Eduardo Estévez.

Antoloxía Finis Terrae (La liebre libre, El Faunante, Venezuela, 1995). Recolle catro poemas de Xela Arias traducidos por Eduardo Estévez, dous deles publicados en Babel 19.

 

Ao alemán:

Georg Pichler traduce para a revista Lichtungen, 63, (Graz, 1996) en edición bilingüe (galego-alemán).

 

Ao ruso:

Inclúense varios poemas de Xela Arias no volume No limiar do novo milenio. Antoloxía da literatura galega (San Petersburgo: Xunta de Galicia/CEG Universidade de San Petesburgo, 1999), edición bilingüe (galego-ruso) de Elena Zernova.

Inclúense catro poemas de Xela Arias no volume Compañeira tristeza. Antoloxía da literatura galega (San Petersburgo: Xunta de Galicia/CEG Universidade de San Petesburgo, 2004), edición bilingüe (galego-ruso) de Elena Zernova.